
Este concerto forma parte dunha serie de intercambios entre alumnado das escolas de música de Silleda, Burela e Estudio Escola de Santiago de Compostela. O encontro musical de Silleda leva por título
Descubrindo novos estilos: O Jazz e ven a ser o segundo encontro dunha serie de tres que daban comezo o pasado mes decembro, cando rapaces e rapazas de Burela participaban no festival de Nadal de Estudio Escola en Santiago de Compostela, concerto que tiña lugar na aula sociocultural de Caixa Galicia. O último encontro entre os tres centros terá lugar o próximo 24 de abril en Burela e virá pechar un fin de semana dedicado ao jazz en Burela que terá o seu preludio o Venres, 23 de abril, día no que a
Burela Blues Band dará un concerto no que é xa o V Aniversario desta formación musical.
Estes encontros queren dar a coñecer estilos musicais como o jazz ou o que se deu en chamar de forma xenérica "músicas modernas", onde se incluirían estilos como o latin, funky, swing, bossa nova, pop, etc. Quérese deste xeito, ofrecer aos rapaces que habitualmente receben unha formación clásica nas escolas de música e conservatorios, a posibilidade de tocar novos estilos musicais e que podan ter unha visión máis ampla do fenómeno musical.
Os concertos foron coordinados por Rafael Agulló, director da
Banda de Música de Silleda, José Nine, profesor de saxofón e combo e director da Orquestra Xuvenil de
Estudio Escola e por Israel Arranz e Roberto Bouça, directores da
Burela Blues Band e da
Banda de Música de Burela respectivamente e coordinadores dos seminarios de jazz e música moderna que organiza a Escola de Música Municipal de Burela no mes de xullo.
Precisamente, con este tipo de concertos centrados no jazz, pretende darse continuidade durante o ano ao traballo que realizan os rapaces durante toda unha semana de verán no Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela.
Todos os concertos están dirixidos por José Nine, especialista en jazz e músicas modernas e profesor habitual nos seminarios de jazz de Burela.