Arrinca o VI Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela

Hoxe luns deu comezo o VI Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela, que se desenvolverá durante toda a semana, do 15 ao 19 de xullo.

Pola mañá están a ter lugar as clases teórico-prácticas das distintas especialidades instrumentais e xa pola tarde formaranse combos estilos musicais diversos: latin, funk, rock, pop, folk…
Este ano o seminario de jazz conta con oito profesores de distintas especialidades instrumentais, ademais dun vibrafonista grego convidado para a ocasión: violín, saxo, frauta, trompeta, trombón, voz, guitarra, baixo eléctrico, batería, vibráfono…

Xa pola noite, ás 22:00 horas terá lugar no Café Atrezzo o primeiro dos cinco concertos que terán lugar durante toda a semana. Este combo de profesores está integrado por Harry C. (violín), José Nine (frauta e saxo), Roberto Bouça (saxo), Rubén Salvador (trompeta), Roberto Pacheco (trombón), Leo Gianetto (voz e guitarra), Javier Constenla (Piano), Quique Alvarado (Baixo eléctrico), Israel Arranz (vibráfono) e Miguel Cabana (batería).

Mañá martes, será o turno dun dúo de vibráfonos a cargo de Israel Arranz e Dimitris Angelakis, tamén ás 22:00 horas no Café Atrezzo. O mércores e xoves, as actuacións trasladaranse ao Hotel Nordés, a primeira a cargo do Loli Nogueira Quintet e a segunda delas a cargo da formación local Marosa Jazz Project.

Todas as actuacións son de balde e despois das mesmas haberá jam-sessions abertas a todos os músicos que queiran participar.

Agardamos, como en anos anteriores unha boa resposta por parte do público, que ano a ano fan que Burela se converta durante unha semana en referente do jazz galego.


No hay comentarios: