VI Seminario de Jazz e Música Moderna. 15 a 19 de xullo. Burela 2013



A Asociación Mariña Jazz, AMAJAZZ, organiza unha nova edición do Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela, que decorrerá do 15 ao 19 de xullo. Serán 5 días intensivos de clases con  profesores de distintas especialidades instrumentais e con coñecementos nos diversos estilos musicais que conforman o universo da “música moderna”: blues, jazz tradicional, funky, latin, pop, folk…

Nesta sexta edición, faise unha aposta clara pola consolidación de especialidades instrumentais que se foron incluíndo en pasadas edicións, como é o caso das incorporacións do pasado ano: trompeta e violín, que se veñen sumar a outras especialidades que se ofertaron en anteriores edicións, co obxecto de achegar este curso ao maior número de persoas interesadas no mundo do jazz e da improvisación musical.

Este ano, serán un total de 10 profesores os encargados de impartir as clases que se desenvolverán durante toda a semana. Todos eles forman parte de distintos proxectos musicais, ben liderando as súas propias agrupacións ou ben colaborando con outros músicos, ademais de teren unha dilatada experiencia no mundo da docencia, participando en numerosos cursos e en distintos centros de referencia no mundo do jazz e da música moderna. Leo Giannetto (voz e guitarra), Harry C, Milladoiro (violín-corda), José Nine (saxofón-vento madeira), Roberto Bouça (saxofón-vento madeira), Rubén Salvador (trompeta-vento metal), Roberto Pacheco (trombón-vento metal), Javier Constenla (piano), Quique Alvarado (baixo eléctrico), Israel Arranz (vibráfono-percusión), Miguel Cabana (batería-percusión). Como novidade, este ano o Seminario contará coa colaboración especial do vibrafonista grego Dimitris Angelakis, que impartirá xunto con Arranz, un workshop de improvisación e vibráfono os días 20 e 21 de xullo, como complemento ao VI Seminario.

A organización lectiva do Seminario configúrase en torno a tres apartados que se desenvolverán diariamente. As mañás dedicaranse a clases teórico-prácticas sobre aspectos relacionados coa linguaxe musical, improvisación, harmonía, técnica… e durante as tardes realizaranse ensaios de grupo en combos ou Big-Band onde se traballarán conceptos relacionados coa interpretación en grupo, comunicación, improvisación e aplicación de técnicas e recursos dos distintos estilos interpretados. Xa durante a noite terán lugar distintas actuacións musicais a cargo do profesorado, o propio alumnado e tamén de artistas convidados para a ocasión.

Os alumnos e alumnas do Seminario serán os encargados de pór o broche final a esta semana musical nun concerto moi especial que se celebrará o Venres, día 19, ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela.

Todas as persoas interesadas en participar neste seminario deberán inscribirse antes do 7 de xullo, enviando a ficha de inscrición debidamente cuberta, o xustificante do pagamento bancario e unha copia do DNI ao correo electrónico asociacion.marina.jazz@gmail.com. A organización facilitará condicións especiais de aloxamento para o alumnado do Seminario, atendendo á rigorosa orde de inscrición e en función das prazas dispoñibles.  As persoas que o desexen poden contactar directamente coa organización para consultar calquera dúbida, ben a través do correo electrónico asociacion.marina.jazz@gmail.com ou ben nos teléfonos 686-435-987 ou 616-995-013.


Toda a información relativa ao VI Seminario poderá ser consultada a través do blog www.seminariojazzburela.blogspot.com onde poderedes atopar todo sobre datas, horarios, profesorado, prezos, ficha de inscrición, aloxamento, etc.

No hay comentarios: