Arrinca o V Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela


Hoxe luns, día 16 de xullo, deu comezo o V Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela, organizado pola Asociación Mariña Jazz (AMAJAZZ). Nesta quinta edición a plantilla do profesorado viuse ampliada coa incorporación de dous novos profesores: Rubén Salvador (Trompeta) e Harry C (violín), que se suman ao profesorado que ven participando de forma habitual en anteriores seminarios: Leo Giannetto (voz e guitarra), José Nine (saxofón e frauta), Roberto Pacheco (trombón), Javier Constenla (piano), Quique Alvarado (baixo eléctrico) e Miguel Cabana (batería e percusión). No que ao alumnado se refire tamén houbo un incremento importante con respecto á edición anterior, pois este ano sobrepasáronse as 60 matrículas.

Ademais das clases que se imparten durante a mañá e a tarde, o Seminario conta con concertos e jam sessions que se realizan todas as noites en distintos locais de Burela:

Concertos do V Seminario de Jazz e Música Moderna

  • Luns 16. Concerto de profesores. 22:00 horas. Café Atrezzo
  • Martes 17. Marosa Jazz Project. 22:00 horas. Hotel Nordés
  • Mércores 18. Concerto de alumnos. 22:00 horas. Café Atrezzo
  • Xoves 19. Latin-jam a cargo de A.C. Cumbe. 22:00 horas. Café Atrezzo
  • Venres 20. Concerto Clausura. 20:00 horas. Auditorio Casa da Cultura
No concerto de profesores, que terá lugar este luns, participarán todos os profesores do Seminario, ademais de Roberto Bouça (saxo alto) e Israel Arranz (vibráfono), coordinadores e profesores de apoio neste V Seminario.

No hay comentarios: